EL Rincón de Yanka: ANTÓN FRAGUAS FRAGUAS: DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019

inicio














viernes, 17 de mayo de 2019

ANTÓN FRAGUAS FRAGUAS: DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2019


Antón Fraguas: 


"Eu traballei sempre por e para Galicia (...) A miña modesta obra non é máis que un pequeniño gran de area no montón que foron facendo todos aqueles que, de moi distintas maneiras e cadaquén ó seu xeito, traballaron (...) sempre desinteresadamente, non máis que polo ben de Galicia. Por amor á nosa Terra". Como mestre, etnógrafo ou historiador Antonio Fraguas pertenceu a ese grupo de traballadores silandeiros pola cultura galega que tanto na súa época como na actualidade van construíndo o día a día de estruturas modestas, locais, case heroicas.

A Real Academia Galega acordou no pleno celebrado o día 7 de xullo de 2018 na súa sede da rúa Tabernas da Coruña que o protagonista do Día das Letras Galegas de 2019 era Antón Fraguas. Xustifica tal escolla a RAG porque Antón Fraguas era “Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos (SEG) na mocidade, historiador, etnógrafo, director e presidente do Museo do Pobo Galego, profesor depurado polo franquismo e querido polo alumnado, narrador oral excepcional e intelectual cunha popularidade pouco común… dedicou a vida ao estudo da cultura e do territorio galegos desde distintos eidos, con especial atención e mestría á antropoloxía. Cos seus traballos e conferencias contribuíu ademais a defender o galego como lingua de expresión válida para calquera coñecemento, unha idea cuxa reivindicación segue a ser necesaria”. A continuación, repasamos brevemente, a modo de homenaxe, a vida e a obra do autor protagonista do Día das Letras 2019: Antón Fraguas.






Antón Fraguas Fraguas naceu no lugar de Insuela –parroquia de Loureiro–, no concello de Cotobade, o día 28 de decembro de 1905. Próximo a cumprir noventa e catro anos, morre en Santiago de Compostela o día 5 de novembro de 1999. Tras os primeiros anos de estudo -na casa, en escolas públicas e privadas-, entre 1919 e 1924 temos a Antón cursando o Bacharelato no Instituto de Pontevedra. Nel terá como profesores nada menos que a Castelao e a Losada Diéguez, os cales deixarán unha fonda pegada nestes momentos decisivos de formación de Antón.



Tras o Bacharelato, a partir de 1924, cursa –dunha maneira brillante– Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Ingresa nas Irmandades da Fala e comeza a colaborar co Seminario de Estudos Galegos no que ingresa en 1928 co estudo O castro de Soutolongo (Lalín). Dentro do Seminario colaborará nas seccións de Xeografía, Etnografía e Folclore e Prehistoria. A súa primeira publicación en galego será no ano 1929 no xornal A Nosa Terra e leva por título Unha serán na Catedral. Con López Cuevillas e Purificación Lorenzana publica –en 1930–, en Arquivos o seu primeiro traballo relacionado coa arqueoloxía: Mámoas do Sabiñao. Co Seminario de Estudos Galegos participa en varias xeiras ou traballos de campo co obxectivo de estudar as comarcas galegas. Varias destas xeiras foron na Terra de Melide das que saíu, en 1933, o coñecido libro co mesmo título. Antón Fraguas foi o encargado de catalogar os xacementos castrexos. Estes anos tiñan que ser, por forza, os máis felices e ilusionantes da súa vida, compartindo investigación e amizade con Castelao, Otero Pedrayo, Cuevillas, Figueira Valverde, Vicente Risco, Bouza Brey, Xaquín Lorenzo, entre outros.


Entre 1929 e 1933, Antón Fraguas exerce a docencia como profesor auxiliar na Facultade de Xeografía e Historia na Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1933, incorpórase como profesor ao Instituto da Estrada. Ademais do seu labor docente, nesta comarca cataloga castros, mámoas, organiza excursións pola contorna e monta un museo no centro para expoñer os obxectos atopados. Pero, o 20 de maio de 1937 a Comisión de Depuración de Enseñanza de Pontevedra ordena a súa separación definitiva do ensino público. Antón Fraguas, que pertencía ao Partido Galeguista, participou activamente na campaña a favor do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Tras ser apartado do ensino público, exerceu o ensino privado ata que en maio de 1950 foi nomeado catedrático de Xeografía e Historia do Instituto Nacional Masculino de Lugo (actual IES Lucus Augusti). Nel, estará ata 1959 cando se traslada como profesor ao Instituto Nacional de Ensinanza Media Rosalía de Castro (actual IES Rosalía de Castro), onde permanecerá ata a súa xubilación en 1975.

En 1951 foi nomeado membro numerario da Real Academia Galega. O seu discurso de entrada será: Coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade. Fraguas ocupa a cadeira do seu antigo profesor no Instituto de Pontevedra e despois compañeiro de tantas empresas galeguistas, Castelao:

“Veño a ocupar un lugar que quedou baleiro o día sete de xaneiro de mil novecentos cincuenta cando alá lonxe, en Bos Aires, morreu Alfonso Rodríguez Castelao, o amigo Daniel, o médico que por non poder varrer a morte do leito dos enfermos non quixo exercer a medicina. Quizais fora mellor deixar vacante o seu posto deica que outro artista como el ou Rosalía, as dúas representacións de Galicia máis sinceras e acabadas, viñera ocupar esta cadeira. Non debera ser eu o destinado que son home de poucas letras e a quen a arte lle foxe como foxe o vento que canta nas ripas dunha cancela. Veño para o sitio dun home cuio nome leva unha proxección universal de sincera grandeza e popularidade”.

No ano 1963, Antón Fraguas foi nomeado director do Museo Municipal de Santiago, situado no convento de San Domingos de Bonaval, que no ano 1975 pasou a ser denominado Museo do Pobo Galego. Xaquín Lorenzo era o Presidente da Fundación e tras a súa morte en 1989, Antón Fraguas ocupará os cargos de director e presidente.

Membro do Consello da Cultura Galega e Cronista Xeral de Galicia, entre outros cargos, Antón Fraguas realizou, como dixemos, numerosos estudos sobre a cultura popular, a xeografía, a arqueoloxía e a arte. Ameno e prolífico conferenciante, tamén escribiu numerosos libros e artigos de divulgación. Por citar só algúns dos seus libros: Aportacións ó cancioneiro de Cotobade (1985), Romarías e santuarios(1988), Galicia máxica (1991) ou A festa popular en Galicia (1995). Os seus artigos enchen as páxinas de libros, xornais e revistas: escribiu sobre lendas, dolmens, petróglifos, mámoas, o Entroido, o Nadal, o Domingo de Ramos, a Noite de San Xoán, costumes de fin de ano, músicos e cantores populares, o traxe tradicional, o dote, sobre a paisaxe galega, sobre as cidades, sobre as rías, o Miño… Co espírito do Seminario de Estudos Galegos, Antón Fraguas estudou toda a nosa variada cultura con paixón e dedicación.

ESCOLMA DE COPLAS DE LOUREIRO DE COTOBADE

Eu ben vin estar o cuco
na rama d-un castiñeiro,
coa machada na mán
deprendendo a carpinteiro

Canta cuco canta cuco
na rabela do arado,
as mulleres antre os homes
é un gando mal gardado.

Foches falar mal de mín
axunto dos meus amores,
fai de conta que botaches
auga por riba de flores.

Eu collín a flor da xesta
que é a primeira que vén,
desde que te vín a tí
non amei a mais ninguén.

Sei d-un niño dunha melra
outro dunha lavandeira,
agora teño tres niños
co niño da costureira.

Da banda d’alá do río
asubíame unha melra,
a melra como asubía
anda segando na herba.

Eu ben vín estar o moucho
encima d-ún amieiro,
coa subela na mán
aprendendo a zapateiro.

Moucho que estás no canizo
bota castañas abaixo,
anque non teño mandil
acádochas no refaixo.

O paxaro cando chove
mete o rabo na silveira,
así fan as boas mozas
cando non hai quen as queira.

Cantan os galos o día
érguete, meu ben, e vaite.
Como me hei d-ir, queridiña,


como me hei d-ir e deixarte?



ALGUNHAS CÁNTIGAS DA MAR

Carpinteiro de ribeira 
A miña dorna pequena 
faime un barquiño de vela 
é como o berce dun neno; 
pra ir de lua de mel 
cando o mareiro me arrola 
coa miña Manoela. 

Como un meniño adormezo. 
Velahí vén teu pai, 
Pasei pola 
Ponte abaixo, 
deixalo pasar: 
vin saltar unha sardiña, 
vén largar as redes mariñeiros, 
ide ao mar ao medio do mar. 
E botádelle a traíña.

Non te cases cun ferreiro 
que é moi malo de lavar, 
cásate cun mariñeiro 
que vén lavado do mar.






"Hai que ser un experto navegante 

para levar a vela dunha dorna". 

Antón Fraguas Fraguas




FRAGUAS DE AMOR 



NON TE CASES CUN FERREIRO




FUXAN OS VENTOS - SEMENTEIRA