D Í A D A S L E T R A S G A L E G A S
¡Galicia é infinda!
Nosa Galicia é máis que toda a terra.
Non é xa o cativo currunchiño
que din escolas vellas.
Cómprenos desbotar antigos erros
fillos de mente estreita:
¡Galicia é infinda!
Bela estrada de ensoño,
con macadam de estrelas,
a Vía Latea é camiño
que leva a Compostela,
hoxe e outrora faro,
a cibdade ecuménica
que alumeóu, na Europa,
trebas da Edade Meia.
Polo mundo espallados
van os netos dos celtas.
Dende a austral Buenos Aires
á parroquia labrega:
do New-York boligante
ás indianas ribeiras;
da pelica de touro
ata a China de lénda...
Dende o berce sabido
á final cova incerta:
os boscos do Amazonas,
caspaceiras brañegas,
do Courel as searas,
casi da veira do Sena,
de Hong-Kong as baiucas
as viñas valdeorresas,
coqueirás das Antillas
augas bacalloeiras...
Agros, mares e montes,
vilas, cibdades, cities, towns, aldeias,
os recantos do Mundo...
¡Todo é terra galega!
¡Galicia é infinda!
Noso meirande río non é o Miño,
galán a namorar moza ribeira,
nin o Sil, gabancioso do seu ouro
e do seu belo enfeite de cepeiras.
O Golf stream é o noso río meirande:
río que rega as xirxilantes veigas
e os carreiros de escuma
que ás sereias gorentan;
o dos risos de choiva,
garimoso de névoas,
que anda a apalparlle os peitos ás montanas
para folgarse coelas
e, afoutado, cobrilas,
pra ser pai de regueiros e fontelas.
¡Galicia é infinda!
0 comments :
Publicar un comentario